Os estudantes de bioloxía de 2º bacharelato saben que nunha reacción encimática cunha concentración de encima constante, se se incrementa a concentración do substrato prodúcese un aumento da velocidade de reacción. Ao haber máis moléculas de substrato por unidade de volume, auméntase a probabilidade de encontro entre o substrato e o encima.
Se se continúa aumentando a concentración do substrato, chégase a un punto en que a velocidade de reacción é máxima. Esta situación, denominada saturación da encima, débese a que todas as moléculas da encima xa están ocupadas por moléculas de substrato e fórmase o complexo encima-substrato.
A partir deste comportamento encimático, unha muller, Maude Menten, e un home negro, Leonor Michaelis, definiron a constante de Michaelis-Menten (KM) como a concentración do substrato á cal a velocidade de reacción é a metade da velocidade máxima.
Que fixo posible, a fins do século XIX e principios do XX, o traballo desta parella á que debemos un modelo de cinética encimática que segue a utilizarse hoxe na bioquímica?
Maude Menten estudou medicina na Universidade de Toronto e en 1911 converteuse na primeira muller canadense en obter un doutoramento. Sen embargo e pesia a súa valía, o feito de ser muller e científica fíxoa emigrar primeiro ao Instituto Rockefeller en EEUU e despois a Europa. E foi na Universidade de Berlín onde, en 1912, coñeceu a Leonor Michaelis un prestixioso profesor de bioquímica alemán. Da súa colaboración durante ese ano, naceu a ecuación de Michaelis-Menten, o que lles proporcionou fama internacional.
De volta a EEUU Maude Menten continuou a traballar en temas médicos e bioquímicos como a diabete, a hemoglobina, as funcións dos riles, a electroforese das proteínas, a relación do cloro coas fibras nervosas e o cancro. Todos estes méritos fixeron que lograse o seu soño, unha praza definitiva de profesora, aos 79 anos.
Pingback: jesse