Enfermidade do esquecemento.

Padecémola nós, súfrena eles.

Cada día morren no mundo 8.000 persoas a causa de enfermidades que en realidade teñen solución. Estas mortes poderían ser evitadas, pero por falta de vontade e de interese pasan desapercibidas. Millóns de persoas sofren de kala azar, de Chagas, da enfermidade do sono, de tuberculose, de malaria ou de sida infantil, pero en realidade non morrerán a causa destas enfermidades. Morrerán de esquecemento. Do noso esquecemento.

As vítimas destas enfermidades, na súa inmensa maioría, viven en países en vías de desenvolvemento. Son enfermos que non contan, os enfermos esquecidos. Non teñen acceso aos tratamentos existentes ou, peor aínda, non hai fármacos adaptados ás condicións dos países pobres ou os que hai son altamente tóxicos e provocan graves efectos secundarios.

Estas 8.000 mortes son evitábeis. Dando acceso aos tratamentos existentes e desenvolvendo novos medicamentos máis adaptados ás condicións do mundo en desenvolvemento. Na actualidade, calcúlase que o 90% do gasto mundial en investigación médica concéntrase nos problemas de saúde que afectan a menos do 10% da poboación mundial.

Obviamente, o 10% máis rico. Nós.

E non hai escusa. Rescatar do esquecemento a estes millóns de enfermos é cousa de todos. Dos gobernos, dos laboratorios, dos medios de comunicación… pero, sobre todo, de cada un de nós.

Nacer nun ou noutro lado do mundo é só cousa do azar. É un feito que todos somos iguais ao nacer. A mesma especie, o mesmo corazón entre os mesmos ombros.

Entón… ¿cómo podemos esquecernos os uns dos outros con tanta facilidade?

                      

                      Vós sodes e nós somos
                      homes iguais.
                      Máis ou menos espidos baixo o sol,
                      os mesmos corazóns entre os mesmos ombros.
                      Qu e se vos ensina no colexio
                      se alí esquécese o esencial?
                      Compartimos o mesmo reino
                      onde vós estades e nós estamos…

                     Eu teño illas, teño lagos.
                     Eu teño tres pescados nun saco.
                     Eu levo un crucifixo.
                     Eu rezo sobre unha alfombra.
                     Eu reino e eu decido.
                     Eu teño catro en efectivo.
                     Eu durmo sobre bambús.
                     Eu son doutor marabú.

                     E nós somos
                     homes iguais.
                     Máis ou menos lonxe do sol,
                     brancos, negros, vermellos, amarelos e crioulos.
                     Que se vos ensina no colexios
                     se alí falta o esencial?
                     Semellantes ata o mínimo átomo
                     vós sodes e nós somos…

                     Eu tinxo o meu pelo e maquíllome.
                     Eu, os meus cans montan garda.
                     Eu puxen trampas na miña casa.
                     Eu vivo baixo cartóns.
                     Eu terei cen anos dentro de dous días.
                     Eu xamais fixen o amor.
                     Nós, nenos, sobriños e sobriñas,
                     durmimos todos no mesmo cuarto.

                     Calquera que sexa o prezo que nos damos,
                     nadamos todos no mesmo acuario,
                     compartimos o mesmo reino
                     onde vós sodes e nós somos
                     homes iguais.
                     Máis ou menos espidos baixo o sol,
                     todos loitando pola esperanza de vivir.

                      Que se vos ensina nos libros
                      se alí falta o esencial…?
                      Se alí falta o esencial…?
                      Eu prefiro este mundo de policromo
                      onde vós sodes e nós somos
                      homes iguais…
                      Homes iguais…

                      Autora: María Piñeiro

Esta entrada foi publicada en 3. Enfermidades infecciosas, 3. Saúde e calidade de vida e etiquetada , , , , , , . Garda o enlace permanente.

9 Responses to Enfermidade do esquecemento.

  1. sergio vazquez di:

    Estou totalmente de acordo co o que dis. Pero os intereses dos políticos e demais personaxes con poder pesan moito máis que os miles de mortes que ocorren tódolos días nestes países e que podían ser completamente evitables. Ademais, no mundo dos fármacos hai moito “chanchullo”, xa que a maioría das empresas farmaceúticas (por non dicir todas) están máis interesadas no diñeiro que na saúde das persoas, que é en realidade do que se tiñan que preocupar.

  2. ruben fernandez di:

    Pareceme algo de gran interese esto que planteas no teu artigo. Algo que todos sabemos e que todos nalgún momento dicimos “que peniña” ou ” isto e inaceptabel e hai que cambialo” pero a verdade e que ó final á maioria acabanos dando igual, e é un problema do que deberiamos concienciarnos dunha e por máis da nosa parte, pero somos moi egoístas.
    Moitas grazas polo artigo e por sacar un tema coma este dos que rápido nos olvidamos.

  3. Adela di:

    Cales destas enfermidades infecciosas as provocan protozoos? Cales as causan bacterias? Cales teñen orixe vírica?

  4. María Piñeiro di:

    Ten razón Rubén, este é un problema do que deberiamos concienciarnos. Aínda que nos escudemos en que os intereses das farmacéuticas e dos políticos son estes ou estoutros, temos que tomar conciencia de que nós mesmos poderiamos facer algo. É moi fácil e moi cómodo dicir que se non temos poder non podemos facer nada, e seguir co noso día a día mentres no mundo seguen a morrer persoas de enfermidades que no mundo rico son curables. É moi cómodo dicir que non podemos facer nada, pero somos moitos e entre todos si podemos.

  5. andrea dalmao di:

    Gustame ter estes temas presentes, porque como dis ti, María, axiña olvidámolos.
    Estiven buscando información sobre a enfermidade de chagas porque non a coñecía.É unha enfermidade provocada por protozoos, máis concretamente un protozoario flaxelado chamado trypanosoma cruzi. Transmítese mediante un insecto, éste defeca na picadura realizada anteriormente.

    A min desilusióname dicir que África foi a cuna do ser humano no mundo e que agóra sexanos tan fácil esquecela.
    Xuzgámonos polos bens que temos sen pensar as consecuencias que veñen despois.

  6. sabela di:

    Está claro por que nos olvidamos destas persoas con tanta facilidade. O motivo é o egoísmo. Porque non somos nós, e non son a miña familia, nin os meus amigos; non os coñezo de nada, e polo tanto, dáme exactamente igual o que lles poida pasar. É así, aínda que ninguén vai a admitilo abertamente.
    Falta empatía, esa capacidade de poñernos na pel dos demais, de pensar que todo iso podería estar pasándome a mín, ou á miña nai, ou ao meu irmán.
    Intentar, aínda que só sexa por un segundo, pensar todo o que se lle pode estar pasando pola cabeza a un neno que está vendo como toda a xente do seu redor cae coma moscas. O sufrimento que está a experimentar unha nai, cuxo fillo está morrendo de sida, e a impotencia de non poder facer nada. Intentar imaxinar como se sinten millóns de familias vivindo na miseria, sen nada, absolutamente nada. Sen unha vida que poder vivir, sen un futuro, coa posibilidade de caer morto a cada paso que da, de contaxiarse calquera enfermidade.
    Está claro que no mundo dos poderosos, tanto de políticos, farmacéuticas etc, pero sobre todo dos que están por riba, dos que realmente moven os fíos, existen mareas de corrupción, especulación, intereses persoais… Pero non é excusa para deixar de loitar polo que un cre. Para reivindicar non só os nosos dereitos, senon os de todo o mundo, sen distinción.
    E nunca deixar de preguntarnos que podemos facer, porque sempre poderemos facer algo, por mínimo que sexa, para polo menos intentar que situacións coma esta cambien definitivamente.

  7. andrea torreiro di:

    É un gran tema que como se demostra temos esquecido,os números son realmente sorprendentes. Informeime respeto á pregunta feita por Adela e obtiven os seguintes resultados:
    O Kala azar, as Chagas, a enfermidade do sono e a Malaria son enfermidades infecciosas provocadas por protozoos. O Sida Infantil é provocada por un virus e a Tuberculose é unha enfermidade provocada por bacterias.
    É certo que en unha porcentaxe moi alta as cousas e as persoas actualmente se moven polo diñeiro e polo interese, pero son moi poucos comparados con todos nós se realmente queremos facer algo. Porque tamén nos gustaría que o fixeran por algo ou alguén que nos impotara a nós.

  8. miriam yang di:

    Eu creo que moitas persoas saben ou ven na televisión a cantidade de mortes que se producen en países pobres ou en vías de desenvolvemento. Lamentamos todas aquelas mortes pero todo acaba niso, nun lamento, e seguimos a nosa vida coma se nada. È incrible como de egoistas podemos ser ata o punto de considerar aquelas mortes como algo pasaxeiro, o oes hoxe e mañan xa non che acordas.
    Todas aquelas persoas, nenos e adultos non teñen culpa ningunha e merecen vivir coma calquera de nós e son os que precisan máis axuda agora.
    Cal é a causa de que non nos demos conta da importancia destas mortes? Será a sociedade?

  9. juan lorenzo di:

    Na miña opinión este é un tema moi interesante para debatir, eu non estou completamente dacordo cos comentarios anteriores, na maioría faise alusión a que debemos concienciarnos de que hai moita xente no mundo morrendo por efermidades que teñen tratamento, pero eu penso que a cousa non queda aí porque aínda que todos estemos concienciados hai un pequeno problema, os laboratorios farmacéuticos, está claro que a estes laboratorios non lles interesa levar o tratamento destas enfermidades aos países en desenvolvemento polo simple feito de que a maioría da poboación non ten poder adquisitivo para mercalos, aínda que nós nos concienciemos e contribuamos está claro que mentres estes países non teñan poder van seguir sufrindo este tipo de problemas.
    Quizais a crise económica mundial impulse a certas empresas a invertir en países pouco desenvolvidos, debido a que a man de obra é mais barata, e pouco a pouco estes países poderían ir crecendo economicamente. Sei que é unha inxustiza que para que estes países crezan un mínimo as grandes empresas se teñan que beneficiar o triple pero o interese económico fai que esta sexa a única forma viable.

Deixa unha resposta