Os erros na ciencia: inevitábeis, pero tamén dinamizadores.

Na resposta 4 á noticia Chile, un país sísmico, a autora pensa que, polos seus erros nos cálculos, cometeu un grande erro.

Non creo que sexa para tanto, pois este é meramente cuantitativo e non afecta para nada ao substancial, as ideas sobre a tectónica de placas e aos efectos devastadores dos terremotos producidos en Haití e Chile. Pero o comentario sírveme para facer dúas reflexións sobre a ciencia e os erros:

–          – Os científicos, no desenvolvemento da súa actividade, cometen erros involuntarios. Pero non se rachan as vestiduras cando eles mesmos (actitude autocrítica) ou os seus colegas (reflexión crítica) os detectan. Mais ben, todo o contrario. Supoñen unha excelente oportunidade para aprender deles e seguir avanzando.

–          – Cando falamos de ciencia non só estamos a falar de conceptos, senón tamén dun xeito propio de enfrontarse aos problemas, de reaccionar ante unha dúbida, de enfrontarse á vida,… E cando aprendemos ciencia, aprendemos (ou deberíamos) todo, non só os conceptos e teorías: a sentir curiosidade, a ser creativos na formulación de hipóteses para explicar fenómenos, a ser rigorosos nos razoamentos,… e a aprender dos erros que inevitablemente cometamos, véndoos como unha excelente oportunidade para avanzar nos nosos coñecementos. O zoólogo Richard Dawkins no seu libro Unweaving the Rainbow (Destejiendo el arco iris, Tusquets Editores, 2000) conta a seguinte anécdota, que me parece moi significativa:

“(…) a ciencia avanza mediante a refutación das súas hipóteses. (…) Pero é certo que os científicos, máis cós avogados, os médicos ou os políticos, por exemplo, gañan prestixio entre os seus iguais ao admitir publicamente os seus erros. Unha das experiencias formativas dos meus anos de estudante universitario en Oxford tivo lugar cando un conferenciante norteamericano invitado presentou probas que rebatían de maneira concluínte a teoría favorita dunha venerábel e moi respectada autoridade do noso departamento de zooloxía, a teoría que todos aprenderamos. Ao final da conferencia, o ancián ergueuse, dirixiuse á parte dianteira da sala, apertou calorosamente a man do norteamericano e declarou, con ton sonoramente emotivo: «meu querido amigo, quérolle dar as grazas. Estiven equivocado durante os últimos quince anos». Aplaudimos a rabiar. Acaso existe outra profesión tan xenerosa cara quen admiten os seus erros?.A ciencia avanza mediante a corrección dos seus erros, e non oculta o que aínda non comprende.”

Os raios N de Rene Blondlot
Un famoso erro na historia da ciencia foi o “descubrimento” efectuado por Rene Blondlot dos inexistentes raios N. Dito erro foi o resultado dun autoengano.

Credes que os erros (refírome, por suposto, aos involuntarios, non aos enganos) poden xogar un papel dinamizador para o avance da ciencia? Os procedementos que sigue a ciencia, segundo a vosa opinión, fanna demasiado lenta para enfrontarse a novas situacións? Deberíase primar a rapidez? Tería contrapartidas demasiado custosas para a ciencia? Hai outros corpos de teorías que son máis rápidos dando explicacións? Cales? Posúen o mesmo prestixio? Coñecedes casos de erros científicos? Que sentimentos vos produce escoitar que sobre un determinado tema a ciencia non ten datos suficientes para se definir? Propóñovos que opinedes sobre estas ou sobre outras cuestións que se vos ocorran relacionadas cos erros da ciencia.

Esta entrada foi publicada en 1. O traballo científico e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.

17 Responses to Os erros na ciencia: inevitábeis, pero tamén dinamizadores.

  1. cristian garcia di:

    Eu apoio a Quique en que os cientificos tamen se poden equivocar,vivindo anos e anos nunha completa mentira enganando tamén ás demáis persoas. E como dixo Adela na clase tamén hai outros cientificos que o fan aposta para enganar a xente habendo sempre detrás unha empresa que se poida beneficiar.

  2. pablo rodriguez di:

    Penso que os erros sempre axudan a aprender cousas novas, e, unha vez recoñecidos axudarnos a entender meior as cousas e elavorar novas teorías. Respecto ao avance da ciencia, pódese dicir que é máis ou menos lenta, pero moitas veces cun descubrimento resólvense moitas cousas, o que fai que sendo lenta, cun descubrimento bo, e que leve tempo facelo, avance cinco pasos de golpe. Se fora máis rápida seguramente hubera moitos erros e sería máis inesacta.
    Buscando por internet atopei unha páxina na que fala de dez descubrimentos atopados de forma errónea, para demostrar que os erros non sempre teñen que ser cousas malas http://www.erroreshistoricos.com/errores-histoticos/ciencia/662-10-descubrimentos-cientificos-gracias-a-errores-o-accidentes.html

  3. lizeth viancha di:

    Penso que os erros son importantes para a ciencia porque descartándoos cada vez quedaran menos e estaremos máis cerca dunha solución e, aínda que a fan un pouco lenta, o avance merece a pena, polo tanto, non creo que a rapidez sea un factor primario dado que se se fan as cousas rapido hai unha marxe maior de erro que facendoo amodiño.
    Se clicades neste enlace veredes descubrimentos da ciencia grazas a erros: http://www.erroreshistoricos.com/errores-histoticos/ciencia/662-10-descubrimentos-cientificos-gracias-a-errores-o-accidentes.html

  4. lizeth viancha di:

    Compañeiro Pablo, somos almas xemelgas, pensamos e ata poñemos os mesmos enlaces.
    Iso si que é compenetración (bo rolliño)

  5. pablo rodriguez di:

    Son as curiosidades da ciencia que nos fan pensar e chámannos a atención as mesmas cousas, iso é espírito de superación, vemos nos erros novos logros, non pasa nada Lizeth 😉

  6. Adela di:

    Pablo e Lizeth estádes a falar de descubrimentos imprevistos e fortuitos. Pero no artigo faise referencia a outro tipo de erros, a aqueles aos que os científicos adican esforzo, traballo e tempo. Equivocacións recoñecidas cunha humildade que fai a estes homes e mulleres ainda máis grandes. Algo que forma parte fundamental do método de traballo científico. Por exemplo, Morgan (Premio Nobel de Fixioloxía e Mediciña 1933) recoñeceu estar en contra da hipótese de que os xenes se atopaban nos cromosomas, e enfrascado en experimentos que o demostraran, chegou á conclusión contraria sendo, deste xeito, o primeiro científico que demostrou que os xenes se atopan aliñados nos cromosomas. Que outros erros coñecedes? Estaríamos falando de ciencia se non contásemos cos desacertos? Que opinades? Paticipade cos vosos comentarios.

  7. María Piñeiro di:

    Eu creo que o erro que cometeu Adela nos seus cálculos foi positivo, porque nos serviu para decatarnos da importancia que teñen dúas décimas, e das túas razóns para insistir sempre en que non aproximemos. Así que, respecto á primeira pregunta, sí: creo que os erros poden xogar un papel dinamizador no avance da ciencia.
    Tamén penso que non se debe primar a rapidez, senón a eficacia. Aínda que a ciencia sexa en ocasións demasiado lenta, non poderemos “acelerala” ata que non dispoñamos de métodos e instrumentos máis rápidos e precisos, e mentres isto non sexa posible, debemos ter en conta que aínda que co tempo apremie, os erros poden pagarse moi caros en moitos campos de aplicación das distintas ciencias. Paga a pena esperar.
    Outros modos de explicar a realidade, como as relixións, son inmediatos, pero carecen de base observable e non poden, polo tanto, ter o mesmo prestixio nen a mesma validez.
    Tamén é certo que a ciencia é incapaz de resolver todos os problemas humanos, pero só podo confianza nela (pero sen idealizala) poderá seguir avanzando e achegarnos cada vez máis coñecementos e máis exactos.
    Gustaríame facer referencia a Kelvin e á súa estimación da idade da Terra, que imposibilitaba a teoría da Evolución das Especies de Darwin, que necesitaba unha Terra moito máis vella. Kelvin calculou a idade da Terra utilizando un método baseado nos gradientes térmicos no interior da Terra, e obtivo a estimación de 100 millóns de anos. Kelvin non se decatou de que a Terra tiña un manto fluido sumamente viscoso, o que facía que os seus cáclulos foran erróneos. En 1895, John Perry, utilizando un modelo dun manto convectivo e unha codia delgada, estimou que a idade da Terra estaba entre 2.000 a 3.000 millóns de anos. Kelvin mantívose firme na súa estimación, e incluso con posterioridade diminuiu a súa predicción a 20 millóns de anos.
    A radioactividade introduciu outro valor adicional no cálculo; os cálculos da idade da Terra ata entón baseábanse nas suposicións de que a Terra e o Sol formáranse nalgún punto do pasado e que arrefriaran de forma continua desde ese momento. Pero o coñecemento da radioactividade aportou un fenómeno no que se xeraba un calor tal que, ao telo en conta no cálculo da idade da Terra, daba lugar á Terra vella que precisaba a teoría de Darwin.

  8. laura obarrio di:

    Todo o mundo comete erros e todo o mundo aprende deles, e no mundo da ciencia tratase de aprender cada vez máis,asi que supoño que os erros son un método dos máis efectivos.
    Respecto ao de que a ciencia avanza lentamente creo que é o mellor para todos, antes de chegar a utilizar certos productos ou publicar teorias e levalas a práctica, éstas teñen que pasar por un coidadoso proceso para verificar se poden utilizarse, realizarse ou teñen algun erro que enmendar, se nos preocupamos máis pola prensa, que pola calidade das investigacións, non obteriamos sempre os mellores resultados delas e nalgúns casos ata poderían chegar a ser prexudiciais.

  9. alba robles di:

    É normal cometer erros e eu penso que deles un aprende para poder avanzar pero eses erros normais serian os erros que se fan sen querer facelos non esos erros como ven dixo Adela se fan aposta.
    Respeto á pregunta que sentimentos vos produce escoitar que sobre un determinado tema a ciencia non ten datos suficientes para se definir, ese sentimento sería fustracion ou decepción xa que non se pode tratar ese tema se non hai datos e sobre todo se é un tema importante ou interesante para tratar.

  10. ruben fernandez di:

    O feito non é que os erros axuden tanto a aprender cousas novas, senón que errando e aprendendo dos nosos erros e dos erros dos demáis é coma de verdade podemos aprender e avanzar. Por iso é polo que no campo da ciencia son xenerosos cos que ratifican seus erros.
    Grazas por un artigo coma este que non so informanos senón que tamén fainos reflexionar.

  11. andrea dalmao di:

    Eu creo que os erros nos rodean sexa na ciencia ou donde sexa. Creo que erros podemos ser incluso nós mesmos, coma animais. A natureza en sí comete erros e si ela o fai, por qué non o ibamos facer nós?
    Por suposto que dos erros se aprende.
    No campo da ciencia os erros son fundamentais xa sexa para chegar a unha teoría eliminando erros ou para descubrir outra cousa mediante un dos erros.
    Claro está que non todos os erros traen boas consecuencias e por iso ai que ter moito coidado e ante nada admitilo e desculparse.

  12. javier gago di:

    Eu estou de acordo co que di Rubén, non creo que ter erros na ciencia sexa o importante, o importante é aprender deles, reflexionandoos, e razoandoos de tal forma que a partir deles se poidan crear outros razoamentos axeitados e que non sexan erróneos.

  13. miriam yang di:

    Os erros na vida son inevitables, calquer acción podenos levar o erro especialmente na ciencia onde traballase con numeros e instrumentos. Por iso sempre buscase a maxima precisión posible.

    En canto a rapidez das investigacións eu creo sempre é mellor esperar e obter bos resultados que ter prisa e que os resultados sexan erróneos ou pouco eficazes a hora de resolver os problemas que nos rodean. Tamén faría que desconfiaramos cada vez máis da ciencia xa que coa presencia dun gran numero de erros cuestionariase a eficacia desta.¨
    Ísto non quere dicir que os erros sexan malos senón que os erros ocasionados pola prisa de obter unha solución pódense evitar.

    Recoñecer os erros non é al doado pero na ciencia vése que é algo fundamental para a evolución desta xa que dos erros aprendese moitas cousas.

  14. quique di:

    Por favor, antes de seguir lendo, respondede á seguinte cuestión: mencionade dous personaxes de mariños pertencentes ao mundo dos cómics.

    Seguramente un deles é Popeye (se non é así, reclamádelle aos vosos país pola mala educación recibida). E seguramente sabedes que cando estaba en apuros tomaba espinacas porque conteñen moito ferro. Pero algúns non saberedes que o ferro das espinacas é unha crenza infundada produto dun erro numérico: http://es.wikipedia.org/wiki/Spinacia_oleracea . Por certo, cal é o voso segundo mariño máis famoso? O meu é Corto Maltés, que realmente ocupa o primeiro lugar.
    Paso ao que interesa. O meu artigo provocou uns comentarios vosos moi interesantes e, como pasa nestes casos, moitos leváronme a reflexionar [coa conseguinte carga de excitación]. Como veredes, este novo comentario meu é moi largo, a pesar de non contestar a todas as contribucións que me gustaría. Pero comecemos:
    – Pablo e Lizeth (comentarios 2, 3, 4 e 5) fan referencia a un artigo de internet cuxo defecto principal é o seu título (errores históricos). Como sinalou xa dona Adela (comentario 6, profe 10), non eran eses erros aos que eu me refería. No artigo de internet menciónanse descubrimentos non buscados intencionadamente pero que deron un resultado inesperado cun pouco de sorte. Non son erros ou, se o son, son consecuencia de ideas preconcibidas erróneas que fixeron que ao experimentar na busca de algo, se obtivesen uns resultados non previstos. Existe un termo para referirse a eses achádegos inesperados, que é o de serendipia. Se nun buscador introducides este termo, ofreceravos moitas páxinas interesantes pero eu, dado o voso interese por temas do universo, recoméndovos a seguinte: http://www.noticiasdelcosmos.com/2009/09/serendipia-descubrimientos-fortuitos-en.html . Dentro do apartado “Algunos casos” gustaríame que abrirades o enlace “radiación de fondo de microondas”, onde se relata a historia de Georgiy Gamow, Penzias e Wilson. Estes dous últimos enfrontáronse a un ruído inesperado na antena que estaban a construír, e cuxa explicación está baseada nunha teoría formulada 17 anos antes. O descubrimento valeulles o Premio Nobel de Física. Este é un caso interesante para reflexionar: un estudo teórico adiántase á súa comprobación práctica. E hai máis casos: unha proba para a confirmación da teoría xeral da radiactividade (Einstein, 1916) obtívose ao observar a eclipse total de Sol de 1919. Que credes? Vai a teoría por diante da comprobación e dos experimentos ou ao revés? Ou depende (unhas veces vai por diante, outras por atrás, unhas veces sube, outras veces baixa, é dicir, como os galegos de Rosa Díaz)?
    – María menciona no seu comentario (7) “outros modos de explicar a realidade, como as relixións”. Interesante reflexión que me leva a poñer un exemplo concreto relacionado coas carreiras de Fórmula I. O 10 de xuño de 2007, o piloto de BMW Robert Kubica tivo un espectacular accidente durante o Grande Premio de Canadá. Pero só sufriu unhas leves mazaduras. Como resulta que Kubica e o anterior xefe do Estado da Cidade do Vaticano, Xoán Paulo II, eran polacos e no casco do piloto levaba o nome de Xoán Paulo II, o Vaticano púxose a estudar se a salvación de Kubica fora un milagre: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2007/06/28/5937196.shtml . Un mes despois, Hamilton sufriu un choque impresionante do que tamén sae ileso. En setembro, Raikkonen sufriu outro grave accidente sen consecuencias, e na última temporada Filipe Massa recibe un impacto no casco dunha peza solta dun coche que pon os pelos de punta –a quen os teña– pero, nestes casos, non se falou de milagre. Ante estes feitos, podemos propoñer o seguinte:
    1. Debemos buscar unha explicación científica a estes feitos?
    2. A relixión ten nestas cuestións uns privilexios que a ciencia non ten para poder afirmar algo?
    3. Só é a relixión? Permitídeme propoñervos a seguinte situación (ficticia): o outro día estaba observando o ceo cun telescopio. De repente vin unha luz estraña que se desprazaba a grande velocidade, parouse de repente quedando suspendida no ceo, e logo, despois dun minuto, volveu desaparecer igual que veu. Chamei á policía, ao exército, ao observatorio astronómico, ao museo das ciencias,… Ninguén foi capaz de darme unha explicación convincente. Penso que non era un obxecto de orixe humano, pero como son unha persoa razoábel (aínda que algúns alumnos pensan o contrario) estou disposto a cambiar de opinión sempre que se me demostre que estou equivocado. Estou actuando correctamente? Danse na realidade situacións deste tipo?
    4. Relacionado co anterior, o filósofo David Hume dicía que “o peso da proba recae en quen fai a afirmación” e que “afirmacións extraordinarias requiren probas extraordinarias”. Podemos aplicalo nestes dous últimos casos? Son acertadas esta postura? Animádevos a pensar sobre isto: o voso horóscopo sinala este día como propicio para este tipo de reflexións.
    – Laura Obarrio saca á luz (comentario 8 ) un tema non resolto que afecta á humanidade e que é a causa dunha fonda controversia: que hai que facer “antes de chegar a utilizar certos produtos”? Entre os científicos, os ecoloxistas, os políticos, e entre os cidadáns en xeral non hai uns criterios unificados sobre cuestións que nos afectan a todos a largo prazo: alimentos transxénicos, antenas de telefonía móbil, medicinas “alternativas”, enerxía nuclear,… Que postura adoptamos? É un debate que deu lugar mesmo a lexislar sobre uns principios, o principio de precaución e o principio de prevención ( http://es.wikipedia.org/wiki/Principio_de_precauci%C3%B3n ). Ata onde chegamos na súa aplicación? Ata que teñamos unha certeza absoluta? Hai unha certeza absoluta? A nosa postura debe ser proporcional á cuestión que está en xogo?…
    – Por último (aínda estades aí?), gustaríame mencionar algo sobre o exposto por Alba (comentario 9) cando fala de frustración ou decepción ante a lentitude da ciencia. E por que non apaixonante, excitante,… ante o que queda por entender e descubrir? Estou seguro que todos e todas nos propuxemos algún reto intelectual do tipo: serei capaz de…? E cando o conseguimos, aínda que sexa unha parvada,… que satisfacción!, que “subidón”! Diso se trata, de poñernos retos consonte as nosas posibilidades e progresar non só nos nosos coñecementos senón tamén, e algunhas veces é máis importante, no noso proceso de enfrontamento aos problemas. Non si? Que opinades? Comentade as vosas experiencias.

  15. claudia pinheiro di:

    Hoy en día, pese a lo que puedan objetar algunos sectores doctrinales, es por todos bien sabido que ninguna ciencia tiene el conocimiento absoluto de la verdad y que este tampoco está en vías de desarrollarlo.
    Y es más, aquellos que opinen que sí es posible estarían cometiendo un error. En consecuencia, es normal que la ciencia alberge errores y estos no han de ser vistos siempre como algo negativo, pues de ellos podemos conseguir cosas muy positivas al tomarlos en cuenta y hacer de ellos un medio para aprender de los mismos y avanzar en nuestro saber.

  16. laura obarrio di:

    Grazas polo teu comentario Quique, en primeiro lugar penso que certeza absoluta é algo que non existe, nin no campo da ciencia, nin nos demáis, sempre existe ainda que sexa a minima posibilidade de cometer un erro, algo normal tendo en conta que somos persoas e non somos perfectos.
    A postura que adoptamos depende e dependerá sempre da información que nos dean e que teñamos, os riscos que podemos sufrir están sempre ahí, pero cada un ten a súa forma de ver as cousas e a súa personalidade, polo tanto, tomará as súas decisións e asumirá os riscos que crea oportunos.

  17. María Piñeiro di:

    Quique, moitas grazas pola túa activa participación no blogue. Aínda que che pareza mentira, lin o teu comentario enteiro (si, enteiro).
    Sobre se a teoría vai por diante dos experimentos ou ao revés… supoño que non é nin unha cousa nin outra. Cando facemos experimentos é porque temos unha teoría, e queremos comprobar se é certa ou non, pero o máis probable é que mentres os experimentos son levados a cabo cambiemos a teoría, un pouco ou completamente, e tamén é moi probable que durante os mesmos, se nos ocorran outras preguntas e outras posibles respostas a elas… sobre as que tamén quereremos experimentar. As teorías e as comprobacións destas están en estreita relación.
    Sobre si debemos buscar unha explicación científica a que os pilotos de Fórmula I saian ilesos dalgúns accidentes… eu penso que non. Non creo nos milagres, penso que se tiveron esa sorte é por dúas cousas: porque os vehículos teñen unha alta seguridade e, precisamente, pola sorte en si mesma. Hai pouco, unha compañeira de traballo do meu pai esvarou nas escaleiras e rompeu varias vértebras, igual que todos esvaramos cen veces e non pasa nada. E non creo que haxa que buscarlle unha explicación científica ou divina. A veces tes máis sorte e a veces menos; dependemos do azar moito máis do que nos gusta crer.
    E, ¿ata que punto podemos “investigar” se algo foi ou non un milagre? Das cousas das que non pode haber probas non hai moito que falar: ou cres, ou non cres.
    O privilexio que lle vexo eu á relixión é que ten verdades absolutas; a ciencia, non. Pero hai que ter en conta que ningunha destas verdades absolutas que ten a relixión poden ser demostradas, e das teorías científicas que tomamos como certas na ciencia temos evidencias que as apoian. Tal vez este privilexio da relixión nin sequera sexa tal, porque o feito de non ter verdades absolutas na ciencia permítenos avanzar, ter unha mentalidade máis aberta.
    Sobre a pregunta dos principios de precaución e prevención, volvemos outra vez ao mesmo: non podemos ter, en ciencia, unha certeza absoluta. Polo tanto, por baixa que sexa a probabilidade de que algo saia de maneira diferente a como nós pensabamos, esas probabilidades deben terse sempre en conta, na miña opinión, sobre todo se a cuestión en xogo é algo tan importante como unha vida humana (por exemplo, en cuestión de medicina ou alimentación, ou na construción de medios de transporte).
    Isto lévame a reflexionar a min sobre os riscos da medicina, por exemplo, nos efectos secundarios dos medicamentos, un tema bastante relacionado co documental sobre a Gripe A que subiu Pablo. Os medicamentos que poden ter serios efectos secundarios pero nunha pequena cantidade de casos, ¿deben ou non lanzarse ao mercado? E sobre os experimentos previos ao lanzamento destes medicamentos… ¿é posible ter certeza da súa seguridade antes de probalos en seres humanos? Isto tamén está moi relacionado co tema do SIDA que traballamos na primeira avaliación. ¿Que opinades?
    Déixovos un documental sobre os ensaios clínicos dos medicamentos, por se alguén ten interese: http://www.rtve.es/noticias/20090929/los-ensayos-clinicos-investigan-enfermedades-que-afectan-poblacion/294328.shtml
    Eu penso que é certo que a ciencia pode resultar demasiado lenta, porque as nosas necesidades precisan moitas veces solucións moi inmediatas. Pero, pese a ser lenta e imprecisa, é o mellor método que temos.
    E ademais, penso que a parte máis interesante do traballo científico é a dos experimentos; por exemplo, todos os descubrimentos que se están levando a cabo día a día coas células nai… En pouco tempo vendrán as aplicación, que é o que perseguiamos desde o principio e o realmente importante. Pero o interesante está a pasar agora, cando cada día descubrimos algo novo.

Deixa unha resposta