Chile, un país sísmico

  O terremoto do 26 de febreiro, de grao 8,8 na escala Richter, ocorreu tras unha brusca liberación de enerxía provocada pola continua colisión das placas tectónicas; Nazca e Sudamericana. Trátase dunha das zonas sísmicas máis activas do planeta. O epicentro situouse a uns 35 km de profundidade, a uns 100 km de Concepción e a 325 km  de Santiago de Chile. Xeráronse numerosas réplicas e tsunamis que prenderon as alertas en todo o Pacífico. Este terremoto foi 1000 veces máis forte que o que asolou Haití pero o número de vítimas é menor pois os edificios en Chile están mellor preparados.

  A historia xeolóxica chilena conta con varios terremotos de máis de 8,5 graos: os de 1985, 1960, 1922 e 1835. Este último tivo unha testemuña de excepción: Charles Darwin. O naturalista inglés, percorría a costa a bordo do Beagle,  cando o 20 de febreiro escribíu no seu caderno:

  “Día memorable en  Valdivia nunca lembrado por un humano, porque se sentiu  o máis violento terremoto que nunca  tivera  acontecido.  Encontrábame  na costa e tendérame á sombra das árbores dun  bosque, para descansar un pouco. O terremoto comezou de súpeto e durou dous minutos, pero ao meu compañeiro  e a min pareceunos máis longo (…) O terremoto alterou nun instante as máis firmes ideas; a terra, o símbolo mesmo da solidez, temblou baixo os nosos pés  coma unha costra moi delgada posta sobre un fluido; un espazo dun segundo  bastou para despertar na imaxinación un extraño sentimento de inseguridade que horas de reflexión non poderían  producir”.

The Beagle

En 1912, Alfred Wegener propuso a súa teoría da Deriva Continental, aportando numerosas probas. A partir de 1960 a teoría da  Tectónica das Placas explicou o movemento das placas sobre o manto. Intuía isto Darwin en 1835 cando dicía: “unha costra máis delgada posta sobre un fluido” ?  Investiga e comenta.

Esta entrada foi publicada en 2. Tectónica de Placas e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.

12 Responses to Chile, un país sísmico

  1. Quique di:

    Noraboa pola rapidez para facerse eco no blogue desta nova e tamén por relacionar o triste suceso cun interesante documento sobre as viaxes de Darwin (e aínda quedará xente que pense que a ciencia non é cultura!).
    Pero teño unha dúbida: non sei de onde sacas que o terremoto de Chile (de magnitude 8,8) “foi 1000 veces máis forte” que o de Haití (de magnitude 7,0). Ao mellor a culpa é miña, porque teño que recoñecer que me perdo con algúns termos científicos. Explícome: Como a escala de Ritcher é unha escala logarítmica de base decimal, a comparación entre as magnitudes dos terremotos de Chile e de Haití me sae 10 elevado a 8,8-7, que dá 63. O que pasa é que algunhas persoas falan de enerxía e, segundo parece, o factor por cada diferenza de magnitude xa non é 10 senón 33 (?), polo que o terremoto de Chile sería 33 elevado a 1,8 é dicir, 541 veces máis enérxico. Pero, non chego a obter os 1000. Ao mellor, a explicación é que unha “profe 10” coma ti só usa as potencias de 10 😉

  2. Cristian Aimar di:

    A continuació poñovos un fragmento do que di un profesor de xeoloxía da Universidade de Miami:
    “O terremoto que golpeou a Chile o pasado sabado é un dos máis poderosos rexistrados na historia recente. Dí que non existe relación algunha entre este terremoto e o que sacudiu Haiti o pasado 12 de xaneiro. Os terremotos de magnitude 7, como o de Haiti, ocorren todos os meses nalgunha parte do mundo”

    Por outra parte, o Centro Nacional de Información de Terremotos do Servizo Xeolóxico de Estados Unidos di que o temblor de Chile (de 8,8 na escala Richter) liberou 50 Xigatones de enerxía e fracturou casi 550 kilómetros da zona da faia.

    Na miña opinión, con todo o meu apoio aos damnificados, estou de acordo con Adela en que o terremoto de Chile foi máis intenso pero causou máis desastre o de Haiti, dado que non teñen estructuras para soportar un terremoto de escala 7 por seren un país moi pobre.

  3. Adela di:

    Moitas grazas! Son datos dunha gráfica de comparación de magnitudes escala Richter coa enerxía liberada equivalente a kilogramos de explosivos. Un sismo de grao 3 o compara á explosión de 1800kg. Un de grao 4 a 56000 kg. Un de grao 5 equivale a 1800000Kg. Un de 6 sería equivalente a 56000000 kg. O de Haití o compararía a 1800000000 Kg. Se o de Chile foi 8,8 casi 9 (aunque aquí as décimas son moitos kilos) serian ¡1800000000000 Kg! Mil veces maior. A relacion entre a enerxía dun grao e o anterior da 32.
    Noutra tabla miden a enerxía liberada en toneladas de TNT. Así un de 7 liberaría o equivalente a 31800000 t TNT e un de grao 9 sería o mesmo que 31800000000 t de TNT.
    Os datos proceden dun monográfico sobre tsunamis da revista da AEPECT.

  4. Adela di:

    A importancia das matemáticas! Quique, tes toda a razón cando dis: “as décimas, cando a función é exponencial, dan orixe a grandes erros”. Este é o que cometín eu. Ó redondeo do terremoto de 8,8 a 9 (só 0,2) alterou moito o resultado.
    Se o terremoto de Haití foi de magnitude 7, a diferencia co de Chile (considerándoo de grao 9) é de 2. A enerxía liberada neste caso é de 32^2 (utilizo o símbolo ^ para representar a potencia. Base ^ exponente) Esto nos da un resultado de 1024 kg, un terremoto arredor de 1000 veces maior. Pero… se non redondeamos a diferencia de magnitudes entre ámbolos dous sismos é 1,8. Entón 32^1,8 nos da ¡512K kg! O terremoto de Chile liberou unhas 512 veces máis enerxía co de Haití. ¡Como influen dous décimas!

  5. juanjo regaldie di:

    Moitas grazas a ese anónimo. O tema de cantas veces foi máis forte o terremoto en Chile que en Haití puido ser un tema de discusión importante na clase, pero grazas a explicación que das xa no hai motivos para discutilo.

  6. david regueira di:

    O que máis me apena é a xente. Como se non tivesen dabondo con vivir en países pobres con serios problemas de nutrición, aínda lle teñen que ocurrir estas desgrazas nas que perden nalguns casos, a meirande parte dos seus familiares.

  7. daniel barreiro di:

    Ademáis escoitei que o terremoto moveu o eixe da Terra cerca de 8 centímetros, o cal acortaría o día 1,26 microsegundos. Aínda que é un detalle comparado cos danos humanos e materiais, sorprendeume.

  8. juan lorenzo di:

    É unha auténtica desgraza a cantidade de danos materiais e humanos xerados por estes dous terremotos, pero sen dúbida o que máis me impacta o ler a noticia é que Darwin poida intuir que a Terra no é unha estrutura completamente sólida unha dedución como esa solo está ao alcance de xenios como el.

  9. pablo rodriguez di:

    Hoxe apareceu nas noticias que ainda se estan a sufrir réplicas moi grandes, e que se segue a destruír Chile, realmente son répliclas ou son novos terremotos polo choque das placas que se seguen a mover?

  10. miriam yang di:

    despois de investigar sobre a o que escribira Darwin no seu caderno, penso que o que dixo foi algo que se lle ocurrira pero que non a meditara moito e non porque intuira que a terra estaba formada por placas tectónicas. Puido pensar que como dos volcáns sae lava isto quere dicir que haina nalgunha parte da terra, sendo ésta o centro e que polo tanto o movemento da terra podia ser debida ao movemento desta lava.
    En fin creo que o que escribiu Darwin foi máis ben unha coincidencia.
    ísto nadie o sabe soamente Darwin.

  11. Adela di:

    Pablo, as réplicas son terremotos que ocorren na mesma zona onde xa tivo lugar outro de maior magnitude (terremoto principal). A enerxía segue a liberarse como consecuencia das “recolocacións” das rochas afectadas pola falla. Se a réplica é de maior magnitude pasa a ser considerada un novo terremoto principal.

  12. María Piñeiro di:

    Despois de ler as notas de Darwin, supoño que non sabía qué é o que pasa en realidade coa tectónica de placas, pero eso sí, paréceme que tiña unha certa idea primitiva de cómo funcionan as cousas debaixo da corteza terrestre. Aínda que está claro que Darwin prefiría os animais e as plantas, pero, ¿quen sabe? Tal vez, se o seu tivera sido a xeoloxía en non a bioloxía, poidera ter chegado a unha teoría parecida á de Wegener.
    P.D: Moi curioso o detalle de Quique. Incríble que dúas décimas poidan alterar tanto a conclusión de Adela… con esto quedo vacunada; eu non fago aproximacións cunha fracción ou cunha raíz nunca máis!

Deixa unha resposta